Alimentación complementaria no lactante

Durante os primeiros meses de vida, a alimentación do bebé é moi sinxela, posto que só precisa de leite materno para cubrir as súas necesidades nutricionais. A lactación debe comezar no momento do nacemento e manterse coma único alimento durante os primeiros seis meses, sendo recomendable pola OMS (Organización Mundial da Saúde), continuala ate os dous anos.

A partir do sexto mes, o leite materno non é suficiente para cubrir as necesidades de crecemento do cativo, polo que se precisa introducir novos alimentos na súa dieta. Esta actividade coñécese coma alimentación complementaria.

Cando introducir novos alimentos?

O bebé estará preparado para inxerir novos alimentos cando poida manter a cabeza erguida sen axuda e permanecer sentado con apoio. Ademais debe ser capaz de interactuar cos alimentos con mans, boca e ollos. Se o bebé non está preparado, posiblemente elimine os alimentos sólidos da boca mediante o reflexo de extrusión, presente durante os primeiros meses de vida.

É importante puntualizar que o alimento principal continúa sendo o leite materno, polo que a incorporación doutros produtos farase despois da toma do mesmo.

Que alimento debe incorporarse primeiro?

No pasado críase que a orde de incorporación de novos alimentos resultaba determinante á hora de evitar alerxias ou intolerancias alimentarias. Na actualidade sábese que non existe dita relación, polo que pódense incluír indiferentemente legumes, froitas, peixes pequenos, cereais con ou sen glute (A ESPGHAN, European Society for Pediatric Gastroenterology Hepatology and Nutrition, afirma que non existen diferenzas no risco de padecer a enfermidade celíaca ó introducir cereais con glute entre os 4 e 12 meses de vida), etc.

Non obstante, existen algúns alimentos que non son recomendables nesta primeira etapa, tales coma, alimentos pequenos e duros (froitos secos, uvas, cereixas…), peixes grandes, espinacas,  acelgas, mel, bebidas diferentes da auga ou do leite materno e alimentos 0% ou desnatados.

Como incorporar novos alimentos?

Os novos alimentos deben incorporarse un a un na alimentación do bebé, para así poder detectar posibles alerxias ou intolerancias. Tras probar un novo alimento, débese observar o lactante durante 24 horas; analizar as súas feces, ver se presenta vómitos ou cambios na pel, así coma detectar  posibles inchazóns nas pálpebras ou na lingua.

Unha vez observado que non existe reacción ningunha, pódese probar cun novo alimento introducido so ou acompañado do ingrediente xa estudado. De novo observarase o bebé durante 24 horas.

Alimentación tradicional ou Baby Lead Weaning?

A alimentación complementaria pode ofrecerse ó bebé en forma de alimentos triturados (alimentación tradicional) ou mediante alimentos sólidos con textura branda (BLW; Baby Lead Weaning).

Ambas opcións son válidas á hora de alimentar o bebé; non obstante, aparecen certos beneficios na alimentación con produtos sólidos (BLW), xa que este método permite ó cativo autoregular a súa inxestión e experimentar diferentes sabores e texturas. Tamén favorece o emprego dos músculos mandibulares polo que axuda ó desenvolvemento da fala e reduce as posibilidades futuras de sobrepeso ou obesidade infantil.

Algúns dos alimentos que se poden introducir na alimentación complementaria sólida son ingredientes fervidos como: Cenoria, brócoli, pataca, pasta, fabas… Tamén son aconsellables froitas frescas con maior contido calórico como plátano, pera ou aguacate.

Para implantar o BLW é preciso crear un ambiente relaxado durante as comidas, xa que para coñecer os alimentos o bebé xogará con eles ensuciando toda a cociña. Tamén é importante non andar ás presas, posto que con este método ó cativo precisará máis tempo para nutrirse adecuadamente.

En conclusión, a alimentación complementaria debe estar composta por alimentos naturais evitando potitos ou outros preparados comerciais, debe ser a demanda segundo a fame e gustos do bebé e debe levarse a cabo nun ambiente relaxado.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *