Comer saudable sen tempo
No día a día existen prioridades por diante da alimentación, posto que o ritmo de vida é moi apresurado e xa abondan preocupacións suficientes; o traballo, a familia, a casa… Ditas actividades rouban a meirande parte das horas do día, facendo complicado dedicar tempo a alimentarse de maneira adecuada e ocasionando unha maior inxestión de alimentos precociñados, comidas fora da casa ou picoteos pouco saudables.
Así pois, aínda que o obxectivo dun sexa mellorar a súa alimentación, chegar máis activo ó final do día, non continuar coa subida de peso, durmir mellor ou evitar as longas e pesadas dixestións, a opción rápida e sinxela adoita ser a menos saudable. Pero realmente e preciso inverter un tempo prolongado na cociña para poder mellorar a alimentación diaria? Os seguintes trucos poden ser de utilidade para reducir os minutos dedicados a esta tarefa.
- Un día para cociñar: Se pola semana non hai marxe de prender a cociña, débese aproveitar o sábado ou domingo para cociñar grandes cantidades de alimentos co fin de conxelar ou gardar no frigorífico diferentes alternativas e dispoñer delas nos momentos de máis apuro. Cocer arroz, pasta ou legumes en branco, asar verduras ou carne ó forno, facer un pisto ou deixar preparado un puré, permiten ter opcións saudables a man de luns a venres.
- Planificar o menú semanal: Escribir un menú de comidas e ceas tendo en conta os tempos de cociñado, pode ser a mellor das opcións para evitar consumir alimentos insáns ó chegar a casa, posto que por todos é sabido que cando a sensación de fame é elevada, óptase polos alimentos máis calóricos e xa preparados, sen pensar sequera nunha opción saudable. Esta planificación do menú, pode mellorar a elección nese momento do día, así coma facilitar e reducir os tempos do momento da compra.
- Unha compra semanal libre de alimentos superfluos: Canto menos produtos procesados haxa na casa, menor será o seu consumo semanal. Co menú xa planificado, débese elaborar unha listaxe da compra e evitar incluír durante a mesma ingredientes que non se atopen nela. Ir con fame non é recomendable, xa que pode influír en gran medida nos alimentos incluídos na cesta. Unha única compra por semana é mais que suficiente, permite aforrar tempo e aproveitar mellor os ingredientes e alimentos da casa.
- Empregar conservas e alimentos cocidos: Na actualidade, aínda que non son maioritarios, tamén existen alimentos envasados saudables no mercado que poden empregarse no día a día e que resultan de gran utilidade a hora de preparar almorzos en menos de 5 minutos. Un bo exemplo son todas as conservas de peixes ou mariscos ó natural como os mexillóns, ameixas, navallas, atún… Tamén as legumes cocidas baixas en sal, como as lentellas, garavanzos e fabas en tarros de cristal ou as minestras, grelos, acelgas, coles de Bruxelas e similares que non conteñan máis ingredientes que os propios vexetais. Pódese optar tamén por champiñóns, millo, cenoria raiada ou pementos asados, sempre que non apareza azucre entre os seus ingredientes.
- Comer no traballo: É posible que no descanso do almorzo non exista tempo de chegar a casa e preparar a comida, nestes casos é máis recomendable comer no traballo que saír ó restaurante, posto que deste xeito mellorase a calidade da alimentación semanal ademais de aforrar tempo e diñeiro. A preparación do tupper non ten por que ser moi laboriosa nin é preciso contar cun microondas na oficina; pódese optar por alimentos fríos coma ensaladas completas, de arroz, de pasta ou de quinoa integrais, de garavanzos, de lentellas, de xudías, etc.; lendo ven as etiquetaxes pódese incluso atopar opcións xa cocidas e saudables, polo que a única tarefa será mesturar diferentes alimentos. De poder quentar, as verduras (mesmo as de bote ou lata) con patacas e ovos cocidos ou con atún ó natural, peixes ou carnes da cea anterior, legumes vexetais e pastas e arroces con verduras continúan a ser boas alternativas.