É saudable almorzar?

en

É saudable almorzar?

Aínda que a resposta a pregunta anterior parece bastante lóxica, non sempre a opción mais corrente é a adoitada. A afirmación “O almorzo é importante” é moi común entre a poboación, que cree rotundamente que almorzar mellora a saúde diaria dos individuos. A esta frase súmase a idea de que canto máis cantidade se inxira nese momento do día, mellor que mellor, inclusive existe un refrán que resume esa idea: “Almorza coma un rei,  come coma un príncipe e cea coma un pobre”  Sen embargo, realmente está a ser máis saudable almorzar que non facelo? Pódese levar unha alimentación saudable saltando esta inxestión?

Hai varios anos as afirmacións anteriores tiñan bastante sentido, posto que era moi complicado manter as longas e duras xornadas de traballo físico diario, sen consumo de enerxía previo. Daquela, almorzábanse alimentos saudables como leite con pan ou “sopas”, así como leite con castañas. Pero desde entón, cambiou o tipo de traballo e as opcións de almorzo tamén foron variando.

Na actualidade, o tipo de alimentos empregados neste momento do día presentan un valor nutricional pésimo, contendo grandes cantidades de azucre, graxas saturadas, trans e sal. Galletas, cereais e bolos compoñen a parte sólida dos almorzos mais populares, que poden estar acompañados de cacao con azucre ou café tamén azucrado e que nalgúns casos culminan cun zume, que sexa natural ou envasado, provoca picos de azucre no sangue e polo tanto non resulta a mellor opción.

A esta realidade engádese ó feito de que non existe ningún motivo polo cal haxa que comer de maneira forzada ó espertar posto que, pese a crenza popular, non existe unha comida máis importante que outra ó longo do día; o realmente importante é incluír alimentos saudables en cada unha das que se fagan. Así pois, non hai problema con esperar a ter apetito para empezar a inxerir algún alimento.

Que pasa se un cativo non quere almorzar?

Como noutras comidas do día, non se debe insistir ó cativo a comer cantidades maiores das súas apetencias. Se a primeira hora da mañá so é capaz de beber un vaso de leite, non hai que forzalo a comer máis; no seu lugar pode levar un almorzo máis completo para a media mañá, onde seguro a súa fame aumentará.

No caso da infancia a calidade dos almorzos é aínda peor, posto que os produtos adoitan conter maiores cantidades de azucre para resultar máis apetecibles. Son poucos os fogares que non ofrecen cacao azucrado con leite, acompañado de galletas ou cereais con chocolate ou mel, que veñen en caixas dos seus debuxos favoritos e incluso con formas para xogar durante esta primeira hora do día. Ás veces, súmase a este almorzo un zume natural ou envasado, para aproveitar máis o tempo noutras tarefas matutinas.

Realmente é mellor almorzar deste xeito que saír da casa sen comer e tomar unha mazá e un bocadillo a media mañá?

Como mellorar os almorzos diarios?

Existen moitas opcións á hora de preparar un almorzo saudable, pódese comezar por unha froita enteira seguida dun vaso de leite ou un iogur natural; o café o té ou o cacao poden estar tamén presentes pero sen azucres engadidos. Como opción sólida, unhas torradas ou pan fresco integral só ou acompañado de queixo fresco ou requeixo, compota caseira de mazá, tomate, xamón, crema de cacahuete caseira, plátano, aguacate ou “guacamole”, leituga, atún ou un pouco de aceite de oliva virxe extra.

Os días con máis tempo, pódese optar por facer unhas tortas con avea, plátano, ovo e leite; biscoitos caseiros a base de fariña integral en lugar de branca, aceite de oliva en lugar de margarinas ou manteigas e dátiles triturados, uvas pasas e/ou plátano en lugar de azucre, así como preparar cereais a base de copos de avea, sementes, coco raiado, froitos secos e algunha onza de chocolate cunha alta porcentaxe de cacao.

En resumo, non é preciso realizar o almorzo para desfrutar dun bo estado de saúde. Se decide facerse, débese optar por alimentos saudables, xa sexan doces ou salgados, e na cantidade que paute a sensación de fame.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *