Palma e outras graxas

Un último boom na industria alimentaria pon a graxa de palma no punto de mira, son xa algúns establecementos os que non comercializan produtos que conteñan dito ingrediente, pero, que é a graxa de palma?, por que é mala?, por que se coñece agora? que diferenzas existen entre a graxa de palma e outras graxas coma palmiste, coco ou manteiga?

A graxa de palma é unha das máis empregadas na industria alimentaria a nivel mundial. Miles de produtos envasados imprimen nas súas etiquetas dito ingrediente debido ó baixo custo do mesmo, así coma as súas características físicas e organolépticas; non aporta sabor, é untuosa e permite manter unha consistencia óptima ós alimentos que a conteñen.

Esta graxa (as veces denominada aceite) extraese da polpa do froito da palma, aínda que tamén pode ser extraída das sementes, recibindo así o nome de palmiste. A súa cor orixinaria é vermella, polo que adoita ser refinada para eliminar dita tonalidade.

Caracterízase por aportar unha elevada cantidade de graxas saturadas o que a fai prexudicial para a saúde, favorecendo a aparición de obesidade, colesterol, arteriosclerose e enfermidades cardiovasculares. A OMS recomenda reducir a presenza de graxas da alimentación polo menos ate un 30% das calorías inxeridas diariamente. Tamén fai especial incidencia en que máxime un 10% sexan graxas saturadas, afirmando que deste xeito diminúe o risco de padecer enfermidades non transmisibles.

Aínda que a graxa de palma leva sendo empregada durante anos, non aparecía coma tal na listaxe de ingredientes, quedando oculta baixo o nome de “aceites vexetais”. A raíz dun cambio da lexislación no 2014, que obriga a especificar o tipo de graxa empregada nos produtos envasados, dáse a coñecer o emprego excesivo da mesma, provocando un aumento da preocupación polo seu consumo.

Outro dos inconvenientes do emprego excesivo da palma é a necesidade de aumentar plantacións para poder facer fronte a demanda actual. Isto ocasiona efectos negativos sobre o ecosistema, debido a deforestación de bosques tropicais para poder plantar este froito. O cambio de especies, tamén ocasiona un aumento da contaminación debido a unha maior eliminación de gases efecto invernadoiro. A perda de especies animais e a violación dos dereitos humanos, súmanse ás consecuencias do emprego desta graxa.

Onde se atopa?

Aínda que non se vende ó consumidor final, a palma atópase en produtos moi consumidos na actualidade incluso das marcas de máis sona, coma cremas de cacao, margarinas, galletas (incluso sen azucre), tortas de trigo, bombóns, bolos e roscas, masas, chocolates, pratos precociñados, pizzas, pasta fresca, salsas, snacks ou incluso alimentos infantís.

Segundo a OCU (Organización de consumidores e usuarios) dous de cada tres alimentos analizados nos supermercados, conteñen máis graxa saturada da recomendada para o consumo humano.

Malia que as graxas saturadas son malas para a saúde, as insaturadas aportan beneficios. Entre estas últimas atópanse, as graxas monoinsaturadas, presentes no aceite de oliva virxe ou no aceite de xirasol alto oleico, e as graxas poliinsaturadas, que se poden atopar nos froitos secos ou pescados azuis.

Arestora é a palma a que está no punto de mira, máis non é a única que contén un gran aporte de graxas saturadas, atópanse tamén neste grupo o palmiste, a graxa de coco ou as manteigas animais.

Para evitar consumir este tipo de graxas e mellorar o estado de saúde, débese optar por mercar máis alimentos naturais e frescos, coma vexetais e froitas de tempada, peixes, carnes brancas e legumes, e reducir ó máxime a inxestión de produtos procesados coma os envasados e pratos precociñados.

Débese tamén ler a etiqueta nutricional observando a listaxe de ingredientes e o contido en graxas saturadas, azucres e sal presentes nos alimentos. Polo xeral, cando un alimento contén máis de catro ingredientes adoita non ser saudable.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *